Se xa o dicía eu....
- O calcio pode provocarche febre, dor de cabeza e dor de ósos. Coma se tiveses un gripazo- dicíame a enfermeira do Hospital de Día.
- Pero dá moi forte?- digo eu.
- Son os posibles efectos secundarios pero non ten por que pasarche nada, eh! se cadra non te decatas... - dime.
Ai, ai, ai! Cada vez que me falan de efectos secundarios... é que me poño a tremer!!.
Sempre teño a esperanza de que efectivamente "se cadra non me decato" pero botando a vista atrás... se algo provoca efectos secundarios, o meu corpo teraos.
A quimio: pode darche náuseas, vómitos, dor de cabeza e corpo, caída de pelo, uñas, pel, ... BINGO!!.
O mesmo sucede co Tamoxifeno, Zoladex... leo o prospecto e bótome a tremer... BINGO, outra vez!!: sofocóns, cansazo, sequedade vaxinal, irritabilidade...
E co calcio... outro tanto do mesmo... BINGO de novo!!.
O outro día, despois de contaros a miña fatídica experiencia coa 2ª revisión, fun para cama un tanto estrañada por atoparme ben. A excepción que confirma a regra! pensei.
Cantei vitoria demasiado pronto...
Unha hora despois de deitarme, empezo cos tremores, a dor de cabeza e con dor e rixidez nas costas e extremidades... BINGO!!. Será posible!?.
Tómome 2 pastillas de Termalgin esperando a que me fagan efecto pero... nada. Non podo moverme e se me movo, téñoo que facer en bloque. E así até hoxe pola mañá. Telita co calcio!!.
Xa me atopo mellor, xa me levantei aínda que me sigo movendo en bloque, sen virar a cabeza porque é tal a dor, que teño medo a que se me rompa a columna vertebral.
- Ai, o meu corpiño, que débil é!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario