Cancro de mama, o meu mestre
Neste Blog encontraredes algunha información útil para sobrelevar un cancro de mama contado dende a miña propia experiencia.
domingo, 16 de septiembre de 2012
Podedes seguirme dende o Blog en castelán:
jueves, 27 de mayo de 2010
Xa fai moito que non escribo no meu Blog galego... os que me seguides por este lado... tendes que perdoar este descoido mais creo que ten unha explicación bastante razoable: co Blog en castelán é moito máis fácil que me poidan ler fóra das nosas fronteiras...
Son unha fervente defensora da nosa lingua pero se teño que sopesar entre esto ou chegar a máis xente (polo tanto, axudar a máis xente) pois, sinceramente, quédome co traspaso de fronteiras... polo tanto, co desenrolo do Blog en castelán.
Seguirei aparecendo por aquí, pero é no outro Blog onde se atopa a maioría da información e das miñas vivencias.
Dito isto e, esperando que o entendades, poñereivos un pouquiño ó tanto dos meus últimos meses:
Con cales e areas a moreas!!!... xa sabedes, a vida que premia e castiga ó tun tun!.
Sigo coas revisións... A última delas doume bastantes dores de cabeza! Un marcador na analítica dábame un pouco fóra do umbral, causándome bastante inseguridade!! A verdade é que pasei un mes fatal pensando nunha posible recaída... Ó mes (en abril exactamente) repetiuseme a analítica e volveu a darme igual... a diferencia é que esta vez estaba miña oncóloga e alentoume dicindo que a veces pasa estas cousas pero que non me preocupase porque o demáis estaba todo ben... Así que, agora en xuño-xullo repetirei a analítica e a ver que pasa!!!.
Mentres tanto, durante o último ano, tiven que superar a morte de meu pai por un cancro, tiven que traballar na pequena depresión que esto me causou pero... tamén tiven a sorte de vivir momentos moi bos!...
Ós quince días de morrer meu pai (en xullo do ano pasado) empecei a traballar de funcionaria interina como Observadora de Meteoroloxía... que significaba esto? pois que os astros se alineaban para min! un bo traballo con bo soldo, bo horario e cuns compañeiros estupendos!. Estiven 6 meses cubrindo unha baixa... agora estou no paro en espera a que me volvan a chamar (dende aquí pido á miña sorte que por favor me chamen prontiño!).
E mentres fomos superando pouco a pouco (e o moito que queda por superar!) esta nova situación... entre tanto, pois algo bo tamén:
Despois de 5 anos de mozos con 4 anos de convivencia... Dani máis eu decidimos dar o "si, consinto"... Este 15 de maio, nunha ceremonia moi moi íntima (nove éramos os alí presentes) xurdiu o momento máxico para Dani e para min.
Había un gran ausente: meu pai... pero en certo modo sentíao comigo... sorrindome.
A verdade é que estou contenta neste aspecto! .
E ben, pouco máis vos podo contar de novo... xa sabedes... a vida é coma unha montaña rusa: tanto estás arriba como que de súpeto apareces abaixo!.
Antes de despedirme gustaríame dedicar esta entrada a dúas persoas:
Unha delas foi un referente para min durante a miña enfermidade. Unha persoa que me fascinou no transcurso do seu cancro pola actitude e tesón que transmitía... No meu Blog en castelán, foron varias a veces que así o expresei... A semana pasada, cando me enterei da súa recaída, sentina como miña... Pero Luz Casal é forte! poderá con esta baixada da montaña rusa! Dende aquí mándolle un bico moi forte e moito ánimo!.
A outra persoa é unha grande amiga miña que fai uns meses chamoume para decirme o que eu lle dixera a ela dous anos antes " Teño cancro de mama"... que momento!... pero dende aquí: Celia, ánimo! xa estás na recta final da túa recuperación. Atrás quedan a quimioterapia, os seus efectos, a radioterapia,... Estou moi orgullosa de ti!!. Acórdaste cando me decías que xamáis poderías sobrelevar a enfermidade con tanta forza coma min se te vivises a situación... pois xa ves! tan forte ou máis ca min!! un bico enorme!.
E a todos os demáis... unha aperta.
Paula.
domingo, 18 de octubre de 2009
Eu, na revista GLAMOUR

miércoles, 29 de julio de 2009
Interesante para ver, leer e saber
Nel toparédesvos con publicacións interesantes doutros Blogs sobre o cancro como o de Isabel ou o de Carlos M Beltrán, o do propio Roberto ou o mio.
A finalidade do mesmo é obvia: concentrar as nosas vivencias co cancro nun mesmo lugar. Non coñezo mellor forma de axudar a todas aquelas persoas que buscan esperanza nas nosas palabras... que buscan información de primeira man con só un click. Non vos parece?.
Pois Roberto... só che podo dicir unha cousa: GRACIAS!!!!!
Paula.
P.D.: A dirección do Blog de Blogs é: http://www.blogsdecancer.com
(De tódolos xeitos, tamén vos deixo unha ligazón na miña sección "Blogs e Webs que sigo")
lunes, 11 de mayo de 2009
A que adico o tempo libre...
E móstrovolo por dous motivos:
- Porque dunha enfermidade como o cancro tamén se sacan cousas boas ( ou, polo menos, é así como o quero ver eu)
- e, por suposto, porque estou moi ilusionada co que fago!.
Nalgunha ocasión comenteivos que cando acabei a Radioterapia, empecei nun Taller de Coiro e que, gracias a iso, descubrín a miña auténtica vocación!.
Tamén lembro que vos comentei que tiven que ter un cancro para darme conta diso... e que me alucina ver que, cando estou a coser, entro nun estado de relaxación tal que me esquezo do mundo exterior. E pasan as horas e sigo e sigo... é unha pasada!!. E como isto se converteu en algo importante na miña vida, e levo case un ano facéndovos partícipes de todas as miñas importancias vitais... por todo isto, convídovos a que vexades o meu outro Blog:
Espero que vos gusten!!!.
Acéptanse críticas... pero halagos tamén, eh. jejeje!!
Bicos.
sábado, 28 de marzo de 2009
Pode darche, febre, dor de cabeza e de ósos... Paula, bótate a tremer!!
- O calcio pode provocarche febre, dor de cabeza e dor de ósos. Coma se tiveses un gripazo- dicíame a enfermeira do Hospital de Día.
- Pero dá moi forte?- digo eu.
- Son os posibles efectos secundarios pero non ten por que pasarche nada, eh! se cadra non te decatas... - dime.
Ai, ai, ai! Cada vez que me falan de efectos secundarios... é que me poño a tremer!!.
Sempre teño a esperanza de que efectivamente "se cadra non me decato" pero botando a vista atrás... se algo provoca efectos secundarios, o meu corpo teraos.
A quimio: pode darche náuseas, vómitos, dor de cabeza e corpo, caída de pelo, uñas, pel, ... BINGO!!.
O mesmo sucede co Tamoxifeno, Zoladex... leo o prospecto e bótome a tremer... BINGO, outra vez!!: sofocóns, cansazo, sequedade vaxinal, irritabilidade...
E co calcio... outro tanto do mesmo... BINGO de novo!!.
O outro día, despois de contaros a miña fatídica experiencia coa 2ª revisión, fun para cama un tanto estrañada por atoparme ben. A excepción que confirma a regra! pensei.
Cantei vitoria demasiado pronto...
Unha hora despois de deitarme, empezo cos tremores, a dor de cabeza e con dor e rixidez nas costas e extremidades... BINGO!!. Será posible!?.
Tómome 2 pastillas de Termalgin esperando a que me fagan efecto pero... nada. Non podo moverme e se me movo, téñoo que facer en bloque. E así até hoxe pola mañá. Telita co calcio!!.
Xa me atopo mellor, xa me levantei aínda que me sigo movendo en bloque, sen virar a cabeza porque é tal a dor, que teño medo a que se me rompa a columna vertebral.
- Ai, o meu corpiño, que débil é!.
viernes, 27 de marzo de 2009
Miña 2ª Revisión:
Saio de casa. Acompañada. Lévanme ao Materno á miña 2ª Revisión. Estou positiva e aparentemente tranquila:
- Que me poden dicir, se non me fixeron ningunha proba!! isto é unha visita á Oncóloga, máis ben!- penso.
Inexplicablemente, o peito esquerdo (o que un día tivo un tumor) dóeme (máis que dor, síntoo sensible, como hinchado), tamén teño unhas pequenas punzadas na axila dereita xa desde hai uns días e non sei moi ben por que.
Chego ao Hospital. Hora de chegada: 11:30h. Xusto a miña hora de consulta.
-Polos pelos!- penso.
Sigo aparentemente tranquila aínda que, non sei, incómoda co meu corpo. Pertúrbame as picadas da axila, os sofocóns da calor que fai na sala de espera, o peito sensiblón...
A sala está chea; cheísima. Sentamos. Empezo a notar miradas dos alí presentes que me din en silencio o nova que son para estar alí (si, son unha inxustiza da vida!).
As 12:30h e seguimos sentados no mesmo sitio. Segue habendo moita xente. A mesma xente. Esto non corre.
As 13h. O meu acompañante empeza a revolverse no seu asento, impaciente. Non contabamos con isto e está a trastornar os nosos plans mañaneiros. Xa non chegamos. En fin!.
Empezo a estar un pouco nerviosa. Levántome e diríxome cara a sala de enfermaría para preguntar que é o que está a pasar. Dinme que os médicos tiveron reunións e empezaron as consultas ás 10:30h (no canto das 8:30h) polo que hai un atraso de 2h.
Volvo ao meu asento. Coméntollo ao meu acompañante e ós que están ao redor. Estamos indignados, que falta de consideración! Poderían avisar!.
Son as 13:30h, volvo á sala de enfermaría e pregúntolle cantos pacentes teño por diante para poder tomarme un temtempé na cafetería. Non mo pode dicir, a oncóloga está cunha pacente e non pode entrar para consultalo. Volvo ao meu asento.
O meu acompañante está case dos nervios, eu... buf!... entre os sofocóns, as picadas de aquí e de alá, os recordos do lugar e os movementos de cadeira do que está ao meu lado... chéganme tamén.
Ás 14h, vén a enfermeira e aconséllame ir tomar ese temtempé porque aínda teño a 3 pacentes por diante. Doulle as gracias e levantámonos.
Saio á rúa a fumarme o meu primeiro cigarro de hoxe. Estou soa. Fai sol, polo que me poño as lentes de sol. Acéndome o cigarro. Inexplicablemente empezan a caerme bágoas dos ollos. Non sei que me pasa pero estou incómoda, nerviosa e rara. Teño ganas de verme na casa xa!.
Tento tranquilizarme (se total, isto é unha visita). Mentalízome diso e vou a tomarme un pinchiño de tortilla.
Volvo á sala de espera, son as 14:30h. Sentámonos e seguimos esperando. Non me apetece entrar. Estou rara e enfadada. Imaxínome esta situación durante os próximos 5 anos de revisións e non me apetece. - Que preguiza! por que a min?- penso. (facía moito desta frase!).
Hora: 14:45h. Escóitase: Paula García, pase a consulta. Por fin!!!.
Entramos na consulta. A Oncóloga pídeme mil desculpas polo atraso. Aproveito para suxerirlle que cando sexa así, estaría ben que avisasen aos pacentes. Ben, deixamos o tema. Non é ao que vimos.
Pregúntame que que tal estou? dígolle que ben. Non me debeu de ver moi convencida porque mo preguntou unha 2ª vez. A verdade, tiña ganas de chorar pero non dixen nada. (Que me pasa!). Túmbome na padiola. Coméntolle que ultimamente atópome algo cansada, que teño picadas aquí e alá, que teño o peito sensible e que o Zoladex (tratamento que me inxecto cada 28 días para retirarme a regra) dáme efectos secundarios. Non lle dá demasiada importancia.
- É normal, son efectos da radioterapia, das inxeccións,...-di mentres me explora.
Volvo á miña cadeira e coméntame que chegados a este momento e, como xa levo bastante tempo con menopausa forzada, sería aconsellable que me inxectasen calcio por vea para os ósos. - Podes ir agora ao Hospital de Día e xa cho inxectan. Son só 15 minutos.
- Vale!- sae da miña boca, aínda que por dentro... que putada! despois da mañá que levo...ter que entrar no Hospital de Día! jo, coas ganas que teño de ir para a miña casa!.
Entro no Hospital de Día. Está cheísimo! entrégolle o papel a unha enfermeira e mándame sentarme onde poida. Sento e, automaticamente, aparecen as náuseas. Vaia mañanciña!. Inxéctanme o calcio durante 15 minutos aproximadamente, retíranme todo e voume.
Saio de alí case ás 16h e esgotada despois de case 5h de pasalo realmente mal.
Quédanme 5 anos de revisións e polo que vexo, vou ter que mentalizarme para poder afrontalas. Non me quedaron ganas. Se estou así cunha revisión que practicamente é unha visita... Que será de min na 3ª revisión con resultados dunha Resonancia!.
Polo de súpeto, xa estiven a pensar que creo que me tomarei varias tilas previas e irei soa e cun libro; ou ben, levarei a un Buenafuente da vida para que me conte uns cantos monólogos de risa mentres espero o veredicto (por aquilo de enganar ao cerebro, porque o que espera desespera).
Agora son as ooh. Xa estou máis tranquila. Dixéronme que é posible que o calcio me dea febre. Por agora non a tiven. Iso si, levo toda a tarde tombada; cansa e recuperándome dunha mañá tan desagradable. Xa non me dan picadas na axila dereita e o peito parece que xa non me molesta tanto...
jueves, 26 de febrero de 2009
Feliz e insegura
Pídovos desculpas: porque me conecto pouquiño, o correo estouno lendo de pascuas en ramos, apenas me conecto ao messenger,... pero, cóntovos:
O motivo da miña ausencia non é outro que aproveitar as oportunidades que me está ofrecendo a vida. A mesma vida que hai pouco máis dun ano estábamas quitando (matizo: intentábao, pero non puido!). Continuo.....
-Ata setembro de 2007 eu era unha moza nova facendo vida de moza nova: estudos, traballando para vivir; pero tamén: saír, comer daquela maneira, fumar bastante e algunha que outra resaca. Independente de papá e mamá, aventureira e inmortal e máis preocupada en cultivar a miña vida social que a miña propia (o meu propio ser). RESULTADO: vida social plena e exitosa, vida miña propia en Stand By.
-En outubro de 2007, danme a fatídica noticia (Teño cancro... e posible ¿tuberculosis?!), danme quimio, opéranme, rádianme, medícanme,... así que, ¡ala!, asimíloo e o mastico como podo. RESULTADO: momento Kit Kat, abro paréntese na miña xove existencia.
- Un ano máis tarde (sept- outubro 2008) pecho paréntese, con tan mala sorte que, pégome o hostiazo (con perdón da expresión). A caída provócame quebradeiros de cabeza que se converten en Resaca (con maiúscula) pero con tan boa sorte que, ao ser dura de roer, non me impediu descubrir as miñas habilidades e a miña paixón: a costura e a alimentación. RESULTADO: nadando a contra corrente nas profundidades do meu ser.
- Neste momento xa estou na beira. Descansada e recuperada do esforzo de chegar e dos contratiempos. Contemplo o mar (o meu mar interno) consciente do que nas súas profundidades escóndese: hai peixes e corais (VIDA), hai diversidade (NOVOS PROXECTOS), hai perigos (MEDOS) e fíxenme amiga inseparable de min mesma. RESULTADO: Feliz e insegura. Si, si, léchedes ben "Feliz e insegura". E explícome:
- Feliz porque aprendín a quererme moito e mellor; porque unha cousa leva á outra, e ao final resulta que me centro no que me gusta (espero impartir Educación Ambiental) e descubro o que sei e podo aportar (fabricar cousas en coiro e fieltro). E aínda por riba, aliméntome mellor que nunca, durmo tranquila e fumo 3 cigarros diarios!.
- E insegura porque só me atopo a gusto na miña casa (cosendo, cociñando, pintando,...) e en compañía de Dani, o meu can e poucos máis. Xa non sento a necesidade de saír e saír, de estar rodeada de xente e máis xente, aprecio e gozo os momentos de soidade e os encontros tranquilos. Fóra disto éntrame unha especie de fobia social ata agora descoñecida pra min. Agora son máis tranquila, falo menos pero de mellor calidade e son máis reservada, iso si, a esencia é a esencia.
Aínda que...mmmmm... estou pensando que quizais me equivoque chamándoo inseguridade, se cadra é madurez. Porque, á fin e ao cabo, a madurez faiche máis consciente.
Polo tanto ben podería ser: Feliz e madura. Non sei, que opinades?.
Bicos.
Paula.
jueves, 15 de enero de 2009
Xa non teño cancro de mama
Tiven resaca, paseino mal. Pero despois desa tormenta tormentosa dinme conta de que no meu corpo xa non había nin unha soa célula canceríxena e que psicoloxicamente me atopaba mellor.
O Blog en castelán titulábase inicialmente "Tengo cáncer de mama" pero vinme na grande sorte de ter que cambialo polo que agora aparece... porque ... Xa non teño cancro de mama.
A Resaca de despois...
Como supoño que vos déchedes conta, este Blog foi ideado primeiramente en castelán ( por iso de cruzar fronteiras galegas).
E por qué vos digo isto? pois porque no Blog en castelán a publicación referente á miña resaca foi en novembro de 2008 e, aínda que agora xa non teño dita resaca ( ou mellor dito, foise menguando), quero contárvola tal cual a escribin no seu día. É dicir, tal cual a vivin.
Así que aí os vai a "Resaca de despois" literal á orixinal:
Son unha persoa nova (28 anos), sempre me considerei moi aberta e extrovertida, bastante faladora (por non dicir moito), positiva e con moitas ganas de moitas cousas. Cando me diagnosticaron o cancro, a miña vida parouse. O primeiro mes recórdoo como horrible pero, aínda así, creo que encaixei ben a enfermidade e tamén creo que levei bastante ben todo o proceso da enfermidade miña e do meu pai e mesmo chegaba a durmir a gusto e en paz.
Peeeero (todo ten un pero) da noite á mañá, ou dunha semana para outra ou non recordo moi ben en que preciso momento, unha resaca apoderouse do meu ser.
Esta resaca foi das de "buf, canto bebín onte" pero que traducido ao caso que toca foi algo así como "buf, todo o que pasei,... e agora que vou facer de todo isto? ".
-Que me está a pasar se todo ía ben, se eu estaba feliz, en qué momento deixei de estalo e por que.
Disto fai pouco máis dun mes e confeso que sigo sen saber moi ben por que me puido tanto, chegando a afectar á miña forma de ser e ao meu ritmo de vida.
Mirando cara a atrás, e con axuda da miña parella (que case sempre ten a razón e poucas veces llela dou), con axuda de Palmira e Sonia-psicólogas da AECC e da miña autoaxuda sobre todo, agora podo dicir que o que me pasou é que tiña que recuperarme do susto; facer borrón e conta nova.
Durante a enfermidade psicoloxicamente funcionei por obxectivos (superar quimio, pasar operación, superar radio,…). Deduzo que cando todo rematou e xa non había máis obxectivos que volver á vida normal, vinme incapaz e frustreime (obxectivo final non alcanzado). Se a isto lle sumo que a xente xa me tiña como recuperada e curada, pois menos recuperada me sentía eu.
Así que levo un tempiño con todo isto ás costas pero subindo escaleiriñas de autoestima:
Apunteime a un taller de coiro; a outro de redecoración; pinto; coso; coido e adoro ao meu can, ás miñas plantas, aos meus paxaros e aos meus peixes; estou a facer un curso de cociña natural e enerxética; e teño pensado internarme un poquiño ou un moitiño-segundo se terce-na agricultura ecolóxica).
Ben, sigo con dúas materias pendentes: deixar de fumar e facer moito deporte. Pero as escaleiras sei que non as podo subir todas dunha vez, eu non. Así que poquito a pouco.
Polo de pronto, o tribunal médico doume 6 meses de prórroga para recuperarme (pois teño o peito moi inflamado pola radioterapia e pouco aguante físico).
Non sei se necesitarei 6 meses para verme forte e recuperada física e psiquicamente, pero utilizarei este tempo que se me ofrece para dedicárllelo a estas pequenas cousas e moitas outras tantas que me enchen tanto.
Saúdos.
Paula.